Festas

Festa do Salmón

A Festa gastronómica por excelencia do Concello da Estrada. O Salmón preparado de múltiples e gorentosas formas. A cita é a terceira fin de semana de maio na Estrada na que ademais de un riquísimo programa cultural que inclúe sempre concertos, teatro, exposicións, concursos, etc, ten como actividade estrela unha degustación popular de preparacións de salmón na mañá do domingo, a precios máis que populares.

Entroido

Antiquísima tradición das parroquias do Concello da Estrada. Dous exércitos: invasor un, defensor o outro, que nunha loita poética e irónica intentan vender nunha idealizada batalla onde caben a sátira e a crítica ós acontecementos máis destacados da actualidade así como das autoridades locais.

O colorido dos seus traxes, a arrogancia dos seus argumentos e a orixinalidade das súas críticas, converten esta manifestación do Entroido nun espectáculo digno de presenciar.
Entroido Entroido
O entroido do Ulla

Os Xenerais do Ulla son unha das máis orixinais manifestacións do folclore galego no Entroido. Se ben é certo que son moitas as zonas de Galicia que adoptan na súa relación con esta celebración unhas características diferenciadoras e singulares, tales como os peliqueiros en Laza, as pantallas en Xinzo de Limia, os cigarróns de Verín, as momadas de Cotobade e un longo etc, os xenerais teñen algún rasgo definitorio que os fai únicos entre esta diversidade.

Existen diversas teorías acerca da súa orixe que non se coñece con certeza. Entre as xentes de idade existe a crenza de que se trata dunha reminiscencia da loita contra os franceses aínda que tamén puidesen ter que ver coas loitas carlistas. Dende un punto de vista antropolóxico, a súa pervivencia na tradición e no tempo explícase pola necesidade de autoafirmación dunhas parroquias fronte a outras, necesidade xurdida pola concepción tradicional don ente parroquial, como un núcleo illado e que dota dun fortísimo arraigo ós parroquianos que nel habitan.

Con respecto á súa organización, o encontro dos xenerais vén ser a grandes rasgos o enfrontamento verbal, con dose de crítica social e ironía de dous exércitos diferentes, formados por abandeirados, sentinelas, correos primeiro e segundo, e xenerais: o primeiro, terceiro e quinto integrando o exército invasor e o segundo, cuarto e sexto, o exército local.

O correo primeiro, pertencente ó exército atacante solicita a entrada nos dominios do sentinela, facéndolle fronte o correo segundo e iniciándose o primeiro intercambio de aldraxes e críticas para posteriormente acudir xunto ó seu Xeneral para comunicarlle a situación do atranque. Os Xenerais entón pola súa orde van continuando os enfrontamentos do atranque que rematan normalmente von Vivas a determinados persoeiros entre o público ou como agradecemento polas colaboracións do público, en forma de cartos, recibidos para a festa.

As coplas son normalmente utilizadas en rima octosílaba asonante aínda que existe certa flexibilidade que non desluce a composición. Nelas retrátanse dun xeito paródico situacións que afectan á convivencia parroquial, á política local, autonómica ou nacional. As referencias á actualidade dos medios de comunicación son tamén parte importante.

Existe tamén un atranco, por desgracia cada vez máis desaparecido, que é chamado "a cara de can" onde tódalas coplas se improvisan por parte dos dous contendentes. Nos derradeiros anos estase volvendo a recuperar esta tradición que exemplifica extraordinariamente o saber popular no referente ó uso ironía e a retranca como loita contra os poderes político-sociais, á defensa da cultura popular e a súa permanencia no tempo e a función socializadora e de cohesión.

 

 

 

 

tipefin1.gif (676 bytes)